martes, 24 de noviembre de 2015

PERSOEIROS



MANUEL CURROS ENRÌQUEZ


 BIOGRAFÍA:
    Manuel Curros Enríquez integra, con Rosalía e Pondal, a grande tríada dos clásicos do XIX. Naceu en Celanova, en 1851, de onde fuxiu á idade de quince anos por mor das tensas relacións familiares. Instalouse en Madrid a fins de 1866, cidade en que se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na prensa. Nesta época, tanto a través da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos intelectuais da súa época, acreditaba en que o progreso científico, o dereito e a educación traerían a felicidade a todos os homes. O seu ideal de goberno era unha democracia burguesa, laica e progresista, e de aí o seu anticlericalismo, posto que a Igrexa era un dos piares máis fortes de oposición a este sistema. A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda.
     Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.
     Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saiu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.
     Quizáis por motivos políticos, quizáis por motivos económicos e profesionais, en 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina. A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano.
     A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. No poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.
Como dato curioso, decir que està enterrado na cidade da Coruña e que ò seu funeral asistiron apenas 40.000 persoas. Xa era coñecido e ben querido este tipo, non?
OBRA:
Cartas del Norte (1875-1876)

O MAlO

Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Aquí vos deixo tamén a primeira parte da Lenda Da Virxe do Cristal. Ten nove partes mais que espero leades pola vosa conta porque ben vale a pena. Persoalmente síntome moi unida tanto a este autor coma a súa obra. Vaivos gustar……





A VIRXE DO CRISTAL
  
File:A Virxe do Cristal Vilanova dos infantes Celanova Galicia (Spain)-4.jpg


Preto da cibdá de Ourense,
camiño de Celanova,
onde é máis tépedo o vento
que a terra gallega azouta,
dun círcolo de montanas
na faldra, sempre verdosa,
esténdese un val frorido,
cuberto de herbas cheirosas,
piñeirales e arboredos
ricos de frutas e sombra.
Alí, pola primaveira,
dispois de saír da escola,
van os rapaces buscar
freixós pra comer i apóutigas;
i as nenas, máis delicadas,
e non como eles golosas,
topan alí os caraveles
con que os cabelos adoman,
e fan, con espriego e néveda,
ramiños que logo esfollan.
Deste val no medio e medio,
entre edras e musgo envoltas,
ergue as torres un castelo,
feito alá n'eras remotas
de pedra de sillería,
cáxeque co tempo roxa.
Como este antigo edificio
outro non hai, según contas,
pois diz que foi levantado
por unha princesa moura
dendes da posta do sol
hastra a saída da aurora;
e inda hai vellos que aseguran,
e podia que certo fora,
que debaixo dos cementos
que os altos muros soportan,
deixou a monta princesa
pra que quen se astreva, morra,
sobre unha trabe en quilibrio
dúas cántaras que asombran:
unha de alquitrán inchida
i outra de moedas e xoias.
De sorte que quen quixere
coller a que ouro atesoura,
creba unha cántara e morre,
feito carbón, baixo a outra,
quedándose ó mesmo tempo
sin o santo i a limosna.
A carón deste castelo,
agarimadiñas todas,
ou pola veiga cribadas,
como bandada de pombas,
as retelladas troneiras
abertas ó sol que as doura,
alcóntranse as brancas casas
da vila de Vilanova.
Vilanova dos Infantes
é vila de grande sona:
n'hai zapateiros no mundo
que batan millo-la sola;
non se cocen en ningures
petadas que aquí non cozan,
e de aquí sán prós teares
as millores mazarocas.
Aquí está a gracia dos homes
i a fror i a nata das mozas;
en fin, sólo aquí naceron,
sólo aquí, Martiño e Rosa.



Fontes: texto: Biblioteca virtual galega, Wikipedia, galicia.swred.com
            Imaxe  Curros Enríquez: absolutourense.com
            Texto e imaxes Lenda da Virxe do Cristal: Galicia.swred.com/galiciaespallada. commons.wikimwdia.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario