domingo, 15 de noviembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: AFIADORES E PARAGÜEIROS

Contan os vellos que, moitos anos atrás, chegou ate a localidade ourensá de Nogueira de Ramuín un afiador ambulante coa súa roda de afiar ás costas, uns din que era de Austria, outros que inglés, ou alemán, ou italiano...como vedes, a súa procedencia non queda moi clara, pero o certo é que traía a roda estragada e buscaba carpinteiro que lla arranxase, o que atopou en Luintra. O carpinteiro non só realizou o seu traballo, senón tamén tomou medidas para poder reproducilo despois no seu taller. Si amig@s, si, falamos por tanto dun oficio tradicionalmente ourensá, e que fixo que se coñecese a nosa provincia como "a terra da chispa". Ese foi o nacemento da tarazana, a máis tradicional das rodas de afiar galegas. Ao primeiro estas levábanse ao lombo, despois pasaron a se empurrar, máis adiante xurdiron as bicicletas con roda de afiado incorporada e finalmente, chegaron as “vespas” con roda de afiar incorporada.
Foron moitos os que, seguindo este oficio, dedicaron a súa vida a camiñar por Galiza , España e Portugal, en busca de clientes. Uns acabaron asentándose e montando tendas de afiado e baleirado, e outros moitos continuaron a facer rutas nunha localidade determinada. Cando se atopaban no camiño, entre eles, empregaban o seu propio idioma: o barallete, para falar entre eles sen seren entendidos polos demáis.
(imaxe sacada de globedia.com)
Atraían aos seus clientes co seu chifre artesanal, feito en madeira, normalmente rematado nunha cabeza de cabalo, que facían soar cara un e outro lado dicindo:
“Arreglo potas, paraugas e mulleres;
afío coitelos, navallas e tesoiras,
afiadoooor e paragüeiro!”

Hoxe este oficio está a caer en desuso, quizais polas innovacións experimentadas polos utensilios a empregar, ou ben pola chamada “obsolescencia programada”, pero, por sorte,  aínda podemos atopar tendas de afiado e escoitar, nalgúns lugares escollidos, o chifre deses poucos afiadores itinerantes que loitan contra a desaparición.

Que me dicides, tedes algún coñecido que perpetúe esta tradición?... Quedamos á agarda das vosas fotos e comentarios sobre o tema!

No hay comentarios:

Publicar un comentario