|
Imaxe extraída de "comunepersoal.wordpress.com" |
Entendemos por labrego aquela persoa que ten por oficio traballar a terra. A agricultura tradicional
galega baseábase en minifundios, pequenos anacos de terra que se traballaban de
cara á venda e ao autoconsumo, tendo o cultivo do liño e do cáñamo como referentes
de cara a extraer materia prima que posteriormente se empregaría na industria
téxtil.
A nosa orografía, chea de
montañas, non permitía cultivos moi extensos. Por outra banda, a altitude,
humidade e temperatura, con xeadas frecuentes, propiciou a horticultura fronte
a outros cultivos máis delicados ou aptos para zonas máis secas. Falamos pois
de alimentos como as berzas, nabizas, repolos, fabas, guisantes, pementos,...,
que de seguro atoparedes como ingredientes en moitas das receitas típicas
galegas que aquí publicamos, como o caldo ou o cocido.
Cultivos que hoxe son moi
populares, como a pataca en Xinzo de Limia ou Coristanco, chegaron a España en
1560, pero non foi ate o séculos XVI e XVII que se reparou nelas como fonte de
alimento, cousa que en Galiza tivo lugar entre 1730 e 1735, época en que as castañas, que ata aquel entón
eran a base da alimentación en Galicia, sufriron unha epidemia, que fixo que se
reducise considerablemente a produción e que, os mosteiros feudais en Galiza,
principais terratenientes de entón, decidiron obrigar aos seus colonos a
plantar e consumir a pataca.
O contacto que Galiza
tiña co resto de España era a través do Cebreiro ou de Ourense, o que supón un
illamento físico que fixo que fose moi frecuente
que as familias dependesen do traballo do campo, que era o medio fundamental de
subsistencia da maioría da poboación, xa que, daquelas, todo procedía da Nai
Terra, estando a poboación exposta ós designios da caprichosa natureza.
A guerra civil provocou a
necesidade de que, ante a falta de alimentos, moitos labregos tivesen que emigrar.
Coa emigración e a educación universal, moitos deixaron o oficio de seus pais
para ir vivir as cidades, o que deu lugar a triste despoboación do rural que
hoxe tristemente vivimos.
|
Imaxe extraída de "akalimera.org" |
O oficio de labrego era
un oficio duro, sometido as inclemencias do tempo e a unha escasa
industrialización. Os carros e arados, tirados por burros ou bois, eran as
principais axudas de que dispuñan e os fouciños, fouces, sachos, machados ou aixadas,
entre outros, as súas ferramentas máis comúns de traballo. Destacar, como non,
a figura da muller labrega, que, mentres o seu home se ocupaba de gañar o pan
con outros oficios, algúns xa mencionados, eran as que se encargaban de atender
ós fillos, á casa, ó gando e de realizar as principais labores do campo.
Déixovos, para a
reflexión, a cantiga “Labregos” de Fuxan os Ventos, agardando que, neste Nadal,
non esquezades o esforzo que supón conseguir os froitos que enchen as vosas
mesas e frigoríficos, para que poñades en valor este oficio, aínda presente
hoxe en Galiza, a través da agricultura ecolóxica.