domingo, 29 de noviembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: O ARRIEIRO.

fonte: www.amigus.info
O termo “Arrieiro” vén do grego “arre”, termo tamén acuñado polo diccionario da Real Academia Galega, como a “voz que se emprega para facer andar ás cabalarías”.  Falamos, por tanto, da persoa que tiña por oficio o de transportar mercadorías con bestas de carga, xa foran éstas un cabalo, unha recua de mulas ou outros animais de carga. Nalgunhas zonas de Galiza tamén existían outro tipo de arrieiros denominados “carrexóns”, que empregaban carromatos tirados de cabalerías para transportar as mercadorías, mais neste caso a súa actividade dependía da existencia de camiños carreteiros polos que puidesen circular estas carretas, o cal non era sempre posible. O arrieiro podía traballar por encargo dun cliente, pero o máis común é que transportasen mercadorías pola súa conta que ían vendendo, facendo de vendedores ambulantes. Frecuentemente cada arrieiro tiña a súa zona que era respectada polos demais e na que exercía o seu traballo.

A vida do arrieiro era dura. As súas rutas eran ás veces moi longas e levábanlles a percorrer varios quilómetros. O percorrido diario era normalmente de preto de 15 km, o que dependía moito das dificultades do terreo e das condicións meteorolóxicas. Era ademais un traballo estacional que ocupaba o tempo entre a primavera e o inverno, xusto cando os camiños eran máis transitables e non estaban enlamados pola choiva. O resto do ano descansaban ou ocupábanse noutras labores. Nas súas viaxes a miúdo o carromato, se o tiñan, servíalles non só de transporte senón tamén de pousada onde gorecerse pola noite e durmir, aínda que en moitas ocasións facían noite nas diferentes fondas que había ao longo do camiño.
Polo feito de percorrer e unir zonas moi diversas os arrieiros convertéronse tamén, nunha época na que non existían os medios de comunicación como o teléfono, nun dos medios de comunicación tradicionais que comunicaban as aldeas unhas coas outras. Así os arrieiros facían de mensaxeiros, levando novas, e recados dun lugar a outro entre parentes e coñecidos. Era de tal xeito que os arrieiros tiñan sona de ser xente de moita palabra, chegando a ser tal a confianza da xente que ata se mandaban cartos por eles. En ocasións mesmo levaban xente a modo de pasaxe, pero o máis normal era que viaxasen sós. A pesares disto rara vez eran asaltados polos bandoleiros, polo que se chegou a supor que tiveran algún pacto con eles, quen sabe se derivado desa función de mensaxeiros ou intermediarios, que lles outorgaba certa inmunidade.
Os produtos que eran transportados polos arrieiros eran moi variados e dependían das zonas polas que se movían, tendo moita importancia o comercio dalgúns como o viño, e non era raro que os arrieiros se ocupasen de levar o viño por encargo dalgún adegueiro ou taberneiro. Ademais do viño outros produtos transportados eran o polbo e peixes variados: bacallau, congro ou sardiñas, secos, en sazón, escabeche ou afumados. Tamén comerciaban con outros produtos do mar como o marisco (ameixas, mexillóns, berberechos) mercados nas localidades do litoral a onde levaban en troques produtos obtidos nas rexións do interior como carne de porco, fabas, chourizos, xamón, queixos, manteiga de vaca, castañas, unindo deste xeito as zonas máis interiores coas da costa. Tamén adoitaban transportar produtos artesanais como teas, cacharros de cerámica, olas, e toda clase de obxectos. Ao chegar ás aldeas da súa ruta o arrieiro facía soar o seu corno que anunciaba a súa presenza aos habitantes do lugar.
A memoria dos arrieiros na historia é longa, no Codex Calixtinus sinalase a súa presenza e como os pelexos e bocois de viño entraban pola Porta de Mazarelas en Santiago de Compostela. Tamén na bisbarra pontesa nun documento datado no ano 1283 cítase a un tal Johan Bóo “mercador nas Pontes”, posuíndo a vila un mercado local moi importante, non sabéndose se este “mercador” residía nela, ou ben se exercía a súa actividade de xeito itinerante ao xeito do arrieiro. Cítanse tamén nun documento do 1571 a varios “mercaderes de bueyes y cabalgaduras que van a las ferias de Castilla …” (Candelas pp. 59-60). Ademais no fondo documental do Arquivo Diocesano de Mondoñedo noméanse a dous arrieiros ponteses, un no 1819 chamado Domingo Ferreiro e outro no 1880, veciño do Freixo de nome Fructuoso Martínez. (J. Martínez, @migus, 17 de Xullo 2006).
Peregrinos constantes, posuían a súa recua, composta de catro, seis, dez ou máis cabalerías, xeralmente machos ou mulas. A última delas levaba o “chocallo”, que era o que anunciaba a súa chegada. Percorrían os camiños entoando os seus típicos cantos e deixando ao seu paso contos e lendas como a seguinte:
O camiño da Santa Compaña
fonte: www.amigus.info
Un día á tardiña un home volvía da feira das Pontes polo Camiño dos Arrieiros e fíxoselle de noite no Freixo. Viu entón na escuridade unhas luces que ían cara el. O home arrepiado, deuse conta de que aquelas luces eran a Santa Compaña, que logo chegaron canda el e collérono obrigándoo a ir con elas. Por máis que quería resistir o home non podía evitar acompañar aos defuntos que xa se achegaban ao río Sor. Daquela o paisano lembrouse de que no peto levaba unha moeda. Era unha moeda de cobre que levaba nunha das súas caras unha cruz. Sacándoa ensinouna ás ánimas que o ceibaron e fuxiron desaparecendo no escuro da noite.

Co tempo o modo de vida do arrieiro intimamente vinculado á sociedade tradicional foi pouco a pouco mudando a medida que o facían as formas de vida e con elas a sociedade. Do transporte de mercadorías en carromatos tirados por un animal ou mesmo penduradas do lombo do animal, pasouse ao transporte mecanizado, xa fora por ferrocarril ou máis tarde por estrada, ao tempo que os novos camiños se abrían substituíndo aos vellos. Aos poucos, o vello oficio de arrieiro, mantido durante séculos foi esmorecendo, sendo substituído por outros profesionais do sector, ate finalmente desaparecer, deixando, iso sí, moitas pegadas, entre elas, este canto tradicional:



No hay comentarios:

Publicar un comentario