lunes, 4 de enero de 2016

OFICIOS GALEGOS: ELABORACIÓN DE MÁSCARAS E TRAXES TRADICIONAIS DE ENTROIDO

Rematado o Nadal co día de Reis e a tradicional "cabalgata", o sentir festivo do galego, sobre de todo o Ourensán, céntrase na chegada do entroido. É por iso que, desde esta sección nos gustaría render unha pequena homenaxe aos artesáns e artesás que aínda perpetúan a tradición de elaborar os traxes de figuras emblemáticas como a dos cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo de Limia, felos de Maceda ou os peliqueiros de Laza, entre outros.

Trátase de costureiras e carpinteiros, como Francisco ou Encarna en Laza ou Felípe Gómez González en Couzada, que, tras o illamento desta tradición que veu da man do franquismo e a emigración, pretenden que o noso patrimonio festivo e cultural permaneza no tempo a través da elaboración de máscaras e traxes dos personaxes de entroido da súa localidade.

Entre os distintos traxes do entroido ourensá existen diferenzas e semellanzas na súa elaboración. Exemplo diso é a máscara, que se elabora en madeira de abedul para os cigarróns de Verín, mentres que os felos de Maceda empregan madeira de cerdeira e as pantallas de Xinzo a fan dunha soa peza en cartón, papel de periódico, feltro, engrudo de fariña, auga fervida e pintura. Por outra banda, todas as máscaras levan unha careta con imaxe autoritaria e socarrona, que as pantallas rematan cuns cornos, recordando ao demo, decorando a parte superior con motivos astrais, mentres que felos, pantallas e cigarróns non levan cornos e decoran a parte superior con debuxos feitos a man de animais ou aves rapaces propias dos montes da súa rexión. En relación aos traxes, todos van de branco, sendo as pantallas as que marcan a cor vermella na súa capa ou pano, mentres que nos outros traxes as cores son escollidas polos propios portadores do mesmo. En todos se pretende dar imaxe de elegancia e festividade. No tocante aos accesorios, as chocas das pantallas adoitan ser máis pequenas, cas de cigarróns, peliqueiros e felos, o que compensan cas súas enormes vexigas de vaca hinchadas para a ocasión. Os felos acompañan as mans cun tradicional bastón, mentres que os cigarróns agarran unha zamarra e os peliqueiros unha fusta...mellor será disfrazarse e non se meter con eles.

Despedimos a entrada cunha reportaxe da televisión de Galicia sobre o traxe de peliqueiro, onde poderedes atopar a dous dos artesáns dos que falamos anteriormente (Francisco e Encarna):

Qué me dicides, animádesvos a deixar imaxes e comentarios sobre os artesáns da vosa rexión ou sobre os vosos traxes tradicionais de entroido?

No hay comentarios:

Publicar un comentario