lunes, 21 de diciembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: OS LABREGOS

Imaxe extraída de
"comunepersoal.wordpress.com"
Entendemos por labrego aquela persoa que ten por oficio traballar a terra. A agricultura tradicional galega baseábase en minifundios, pequenos anacos de terra que se traballaban de cara á venda e ao autoconsumo, tendo o cultivo do liño e do cáñamo como referentes de cara a extraer materia prima que posteriormente se empregaría na industria téxtil.
A nosa orografía, chea de montañas, non permitía cultivos moi extensos. Por outra banda, a altitude, humidade e temperatura, con xeadas frecuentes, propiciou a horticultura fronte a outros cultivos máis delicados ou aptos para zonas máis secas. Falamos pois de alimentos como as berzas, nabizas, repolos, fabas, guisantes, pementos,..., que de seguro atoparedes como ingredientes en moitas das receitas típicas galegas que aquí publicamos, como o caldo ou o cocido.
Cultivos que hoxe son moi populares, como a pataca en Xinzo de Limia ou Coristanco, chegaron a España en 1560, pero non foi ate o séculos XVI e XVII que se reparou nelas como fonte de alimento, cousa que en Galiza tivo lugar entre 1730 e 1735,  época en que as castañas, que ata aquel entón eran a base da alimentación en Galicia, sufriron unha epidemia, que fixo que se reducise considerablemente a produción e que, os mosteiros feudais en Galiza, principais terratenientes de entón, decidiron obrigar aos seus colonos a plantar e consumir a pataca.
O contacto que Galiza tiña co resto de España era a través do Cebreiro ou de Ourense, o que supón un illamento físico que fixo que fose  moi frecuente que as familias dependesen do traballo do campo, que era o medio fundamental de subsistencia da maioría da poboación, xa que, daquelas, todo procedía da Nai Terra, estando a poboación exposta ós designios da caprichosa natureza.
A guerra civil provocou a necesidade de que, ante a falta de alimentos, moitos labregos tivesen que emigrar. Coa emigración e a educación universal, moitos deixaron o oficio de seus pais para ir vivir as cidades, o que deu lugar a triste despoboación do rural que hoxe tristemente vivimos.
Imaxe extraída de
"akalimera.org"
O oficio de labrego era un oficio duro, sometido as inclemencias do tempo e a unha escasa industrialización. Os carros e arados, tirados por burros ou bois, eran as principais axudas de que dispuñan e os fouciños, fouces, sachos, machados ou aixadas, entre outros, as súas ferramentas máis comúns de traballo. Destacar, como non, a figura da muller labrega, que, mentres o seu home se ocupaba de gañar o pan con outros oficios, algúns xa mencionados, eran as que se encargaban de atender ós fillos, á casa, ó gando e de realizar as principais labores do campo.
Déixovos, para a reflexión, a cantiga “Labregos” de Fuxan os Ventos, agardando que, neste Nadal, non esquezades o esforzo que supón conseguir os froitos que enchen as vosas mesas e frigoríficos, para que poñades en valor este oficio, aínda presente hoxe en Galiza, a través da agricultura ecolóxica.


No hay comentarios:

Publicar un comentario