domingo, 13 de diciembre de 2015

Oficios galegos: Construción de instrumentos tradicionais

fonte: laopinioncoruna.es
Os instrumentos musicais tradicionais lévanse empregando en Galiza desde os séculos XI e XII, pero non foi ate o século XIX, coa aparición e popularización dos gaiteiros, as bandas de gaitas, as escolas de música tradicional e as distintas asociacións folclóricas, cando comeza a tomar pulo a construción de instrumentos musicais, tendo en conta a estreita relación que tiña que haber entre o mestre artesán e o instrumentista, dado a que o creador debía saber tocar o instrumento a crear, de cara a poder cumprir os requisitos necesarios para que funcionase da forma axeitada.


Así, xurdiron artesáns que construían gaitas, bombos, pandeiretas, tambores, zanfonas, acordeóns, tarrañolas, culleres, latas, tixolas…, que, ao longo dos anos, se foron adaptando ao contexto social que a evolución da sociedade galega estaba a vivir. Por exemplo, nos anos  40 e 50 houbo escaseza en pel de cabra en Galiza, o que fixo que houbese que buscar materiais alternativos; a deforestación, fixo que o buxo e a nogueira escaseasen, polo que se pasaron a empregar tamén madeiras alternativas na construción dos instrumentos coma o carballo, o pino, o abeto alemán, pau santo, ciprés ou pradairo.
A meirande parte dos instrumentos autóctonos galegos xorden a consecuencia de empregar o que a sociedade tiña ao seu derredor para emitir un son e así poder producir un ritmo que despois se faría soar en romarías, traballos de labranza e fiadeiros. Ese é o caso da lata, as culleres, as tixolas ou a pandeireta, que comezaron sendo ferramentas que as mulleres tiñan a man nas labores do día a día, para hoxe en día converterse en iconas da nosa música tradicional galega.
fonte: oreberete.com
Nas labores diarias producíanse pequenos seráns improvisados e, o que tiña algo de ritmo, aproveitaba para tocar o que tiña a man. Os instrumentos como a gaita, o tambor, o acordeón, a zanfona ou a pandeireta, eran típicos das romarías, pero non eran moi numerosos, dada a escaseza e a humildade das festas daquel entón, polo que o oficio de construír instrumentos tradicionais non era un oficio moi extendido. Hoxe en día aínda podemos atopar este tipo de artesáns, como por exemplo na familia Seivane (www.seivane.es ), en Cambre, A Coruña ou “O Reberete” (www.oreberete.com ) en Ourense.

Coas bandas de gaitas, os grupos de pandereteir@s e a internacionalización do folclore, os artesáns que aínda hoxe elaboran estes instrumentos, non só tiveron a oportunidade de formarse e actualizar este oficio tradicional, senón tamén de traspasar fronteiras, podendo facer chegar máis lonxe os seus produtos.


Que me dis, coñeces a algún artesán que queiras dar a coñecer?

No hay comentarios:

Publicar un comentario