Mostrando entradas con la etiqueta oficios gallegos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta oficios gallegos. Mostrar todas las entradas

domingo, 10 de enero de 2016

OFICIOS GALEGOS: O ALBARDEIRO

Foto de nuovasdalpraina.blogspot.com.es
O  dicionario da Real Academia da Lingua galega define ao albardeiro como a persoa que fai, vende ou arranxa albardas. Falamos por tanto dun oficio ambulante, como tantos, no que o artesán, cargado cos seus aparellos e materiais, trataba de se gañar a vida fabricando os útiles necesarios para o traballo coas bestas, como albardas, albardóns, alforxas, monturas e cabezadas, entre outros.
Para realizar unha albarda precisábase algún tecido, como lona ou lienzo, palla, coiro, ferro, agullas, fío groso, un carrete de cera e unha táboa.
As distintas pezas realizábanse seguindo un molde, que se empregaba para cortar as fundas de coiro.  Unha vez cortadas, cosíanse e enchíanse de palla de centeo ben extendida e recosíanse por baixo. Despois, púñase o arco, que era un armazón de ferro, que se recosía á palla, cubríndoo con  unha pouca palla de novo, que se tapaba con coiro, normalmente de pel de porco, cabalo ou becerro.  Por fin, facíase o estambrado, que consistía en coser á albarda unhas almofadas por diante e por detrás.
Unha albarda tardaba en facerse un ou dous días.

A albarda galega caracterízase por ser máis longa e ter uns brazos por detrás, era levantada por diante, e, normalmente, non levaba ferros, só palla. Era de gran utilidade para o transporte de olas.
Que me dicides, coñecedes a algún albardeiro?

lunes, 21 de diciembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: OS LABREGOS

Imaxe extraída de
"comunepersoal.wordpress.com"
Entendemos por labrego aquela persoa que ten por oficio traballar a terra. A agricultura tradicional galega baseábase en minifundios, pequenos anacos de terra que se traballaban de cara á venda e ao autoconsumo, tendo o cultivo do liño e do cáñamo como referentes de cara a extraer materia prima que posteriormente se empregaría na industria téxtil.
A nosa orografía, chea de montañas, non permitía cultivos moi extensos. Por outra banda, a altitude, humidade e temperatura, con xeadas frecuentes, propiciou a horticultura fronte a outros cultivos máis delicados ou aptos para zonas máis secas. Falamos pois de alimentos como as berzas, nabizas, repolos, fabas, guisantes, pementos,..., que de seguro atoparedes como ingredientes en moitas das receitas típicas galegas que aquí publicamos, como o caldo ou o cocido.
Cultivos que hoxe son moi populares, como a pataca en Xinzo de Limia ou Coristanco, chegaron a España en 1560, pero non foi ate o séculos XVI e XVII que se reparou nelas como fonte de alimento, cousa que en Galiza tivo lugar entre 1730 e 1735,  época en que as castañas, que ata aquel entón eran a base da alimentación en Galicia, sufriron unha epidemia, que fixo que se reducise considerablemente a produción e que, os mosteiros feudais en Galiza, principais terratenientes de entón, decidiron obrigar aos seus colonos a plantar e consumir a pataca.
O contacto que Galiza tiña co resto de España era a través do Cebreiro ou de Ourense, o que supón un illamento físico que fixo que fose  moi frecuente que as familias dependesen do traballo do campo, que era o medio fundamental de subsistencia da maioría da poboación, xa que, daquelas, todo procedía da Nai Terra, estando a poboación exposta ós designios da caprichosa natureza.
A guerra civil provocou a necesidade de que, ante a falta de alimentos, moitos labregos tivesen que emigrar. Coa emigración e a educación universal, moitos deixaron o oficio de seus pais para ir vivir as cidades, o que deu lugar a triste despoboación do rural que hoxe tristemente vivimos.
Imaxe extraída de
"akalimera.org"
O oficio de labrego era un oficio duro, sometido as inclemencias do tempo e a unha escasa industrialización. Os carros e arados, tirados por burros ou bois, eran as principais axudas de que dispuñan e os fouciños, fouces, sachos, machados ou aixadas, entre outros, as súas ferramentas máis comúns de traballo. Destacar, como non, a figura da muller labrega, que, mentres o seu home se ocupaba de gañar o pan con outros oficios, algúns xa mencionados, eran as que se encargaban de atender ós fillos, á casa, ó gando e de realizar as principais labores do campo.
Déixovos, para a reflexión, a cantiga “Labregos” de Fuxan os Ventos, agardando que, neste Nadal, non esquezades o esforzo que supón conseguir os froitos que enchen as vosas mesas e frigoríficos, para que poñades en valor este oficio, aínda presente hoxe en Galiza, a través da agricultura ecolóxica.


domingo, 6 de diciembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: O ZOQUEIRO

Foto de Roberto Salgado. Zoqueiro.
 Romaría Etnográfica.
En verbas do finado escritor ourensá ao que en 2004 se dedicou o día das Letras Galegas, Xaquín Lorenzo, máis coñecido como “Xocas”, o oficio de zoqueiro é un “oficio moi sinxelo, que non precisa ferramenta, case tódolos campesiños foron zoqueiros e dedicaban os fins do verán a facelos “paus” precisos para o seu calzado e o da súa familia”.
De aquí sacamos varias conclusións:
- Era un oficio levado a cabo por campesiños.
- Era un oficio de tempada, que se compaxinaba con outras tarefas do fogar, agrícolas e gandeiras.
O traballo do zoqueiro consistía en facer “paus de chancas”, que despois vendía ós zapateiros para que os cubrisen con coiro, dando lugar ós “zocos” ou “chancas”, ou ben facían “zocas” nunha soa peza de madeira, que comercializaban directamente, indo de aldea en aldea. As chancas eran máis empregadas en zonas do sur de A Coruña, Pontevedra e Ourense, por presentar un clima máis seco; mentres que as zocas eran máis típicas das zonas do norte.
As zocas e as chancas foron o calzado que os aldeáns galegos empregaron ate mediados do século XIX para resgardar os pés. Adoitábanse a facer en madeira de amieiro ou bidueira, por seren madeiras brandas, moi doadas de traballar, quentes para os pés e moi illantes contra a humidade.
O que din as novas de hoxe sobre os zoqueiros de onte:
Os zoqueiros loitan por sobrevivir (Diario La Voz de Galicia, 2014): http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/01/21/00031232552686308795389.htm?idioma=galego

Tamén vos deixo unha mostra dese revivir dos zoqueiros, en mans de Elena Ferro, que está a cambiar o uso tradicional desta peza, para adecuala á moda contemporánea. Na súa web non só podes mercar unhas chancas, senón que tamén podes configurar as túas de forma que sexan únicas e diferentes ás demais: www.elenaferro.com

Que dicides, sumádesvos á moda dos zocos?

domingo, 29 de noviembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: O ARRIEIRO.

fonte: www.amigus.info
O termo “Arrieiro” vén do grego “arre”, termo tamén acuñado polo diccionario da Real Academia Galega, como a “voz que se emprega para facer andar ás cabalarías”.  Falamos, por tanto, da persoa que tiña por oficio o de transportar mercadorías con bestas de carga, xa foran éstas un cabalo, unha recua de mulas ou outros animais de carga. Nalgunhas zonas de Galiza tamén existían outro tipo de arrieiros denominados “carrexóns”, que empregaban carromatos tirados de cabalerías para transportar as mercadorías, mais neste caso a súa actividade dependía da existencia de camiños carreteiros polos que puidesen circular estas carretas, o cal non era sempre posible. O arrieiro podía traballar por encargo dun cliente, pero o máis común é que transportasen mercadorías pola súa conta que ían vendendo, facendo de vendedores ambulantes. Frecuentemente cada arrieiro tiña a súa zona que era respectada polos demais e na que exercía o seu traballo.

A vida do arrieiro era dura. As súas rutas eran ás veces moi longas e levábanlles a percorrer varios quilómetros. O percorrido diario era normalmente de preto de 15 km, o que dependía moito das dificultades do terreo e das condicións meteorolóxicas. Era ademais un traballo estacional que ocupaba o tempo entre a primavera e o inverno, xusto cando os camiños eran máis transitables e non estaban enlamados pola choiva. O resto do ano descansaban ou ocupábanse noutras labores. Nas súas viaxes a miúdo o carromato, se o tiñan, servíalles non só de transporte senón tamén de pousada onde gorecerse pola noite e durmir, aínda que en moitas ocasións facían noite nas diferentes fondas que había ao longo do camiño.
Polo feito de percorrer e unir zonas moi diversas os arrieiros convertéronse tamén, nunha época na que non existían os medios de comunicación como o teléfono, nun dos medios de comunicación tradicionais que comunicaban as aldeas unhas coas outras. Así os arrieiros facían de mensaxeiros, levando novas, e recados dun lugar a outro entre parentes e coñecidos. Era de tal xeito que os arrieiros tiñan sona de ser xente de moita palabra, chegando a ser tal a confianza da xente que ata se mandaban cartos por eles. En ocasións mesmo levaban xente a modo de pasaxe, pero o máis normal era que viaxasen sós. A pesares disto rara vez eran asaltados polos bandoleiros, polo que se chegou a supor que tiveran algún pacto con eles, quen sabe se derivado desa función de mensaxeiros ou intermediarios, que lles outorgaba certa inmunidade.
Os produtos que eran transportados polos arrieiros eran moi variados e dependían das zonas polas que se movían, tendo moita importancia o comercio dalgúns como o viño, e non era raro que os arrieiros se ocupasen de levar o viño por encargo dalgún adegueiro ou taberneiro. Ademais do viño outros produtos transportados eran o polbo e peixes variados: bacallau, congro ou sardiñas, secos, en sazón, escabeche ou afumados. Tamén comerciaban con outros produtos do mar como o marisco (ameixas, mexillóns, berberechos) mercados nas localidades do litoral a onde levaban en troques produtos obtidos nas rexións do interior como carne de porco, fabas, chourizos, xamón, queixos, manteiga de vaca, castañas, unindo deste xeito as zonas máis interiores coas da costa. Tamén adoitaban transportar produtos artesanais como teas, cacharros de cerámica, olas, e toda clase de obxectos. Ao chegar ás aldeas da súa ruta o arrieiro facía soar o seu corno que anunciaba a súa presenza aos habitantes do lugar.
A memoria dos arrieiros na historia é longa, no Codex Calixtinus sinalase a súa presenza e como os pelexos e bocois de viño entraban pola Porta de Mazarelas en Santiago de Compostela. Tamén na bisbarra pontesa nun documento datado no ano 1283 cítase a un tal Johan Bóo “mercador nas Pontes”, posuíndo a vila un mercado local moi importante, non sabéndose se este “mercador” residía nela, ou ben se exercía a súa actividade de xeito itinerante ao xeito do arrieiro. Cítanse tamén nun documento do 1571 a varios “mercaderes de bueyes y cabalgaduras que van a las ferias de Castilla …” (Candelas pp. 59-60). Ademais no fondo documental do Arquivo Diocesano de Mondoñedo noméanse a dous arrieiros ponteses, un no 1819 chamado Domingo Ferreiro e outro no 1880, veciño do Freixo de nome Fructuoso Martínez. (J. Martínez, @migus, 17 de Xullo 2006).
Peregrinos constantes, posuían a súa recua, composta de catro, seis, dez ou máis cabalerías, xeralmente machos ou mulas. A última delas levaba o “chocallo”, que era o que anunciaba a súa chegada. Percorrían os camiños entoando os seus típicos cantos e deixando ao seu paso contos e lendas como a seguinte:
O camiño da Santa Compaña
fonte: www.amigus.info
Un día á tardiña un home volvía da feira das Pontes polo Camiño dos Arrieiros e fíxoselle de noite no Freixo. Viu entón na escuridade unhas luces que ían cara el. O home arrepiado, deuse conta de que aquelas luces eran a Santa Compaña, que logo chegaron canda el e collérono obrigándoo a ir con elas. Por máis que quería resistir o home non podía evitar acompañar aos defuntos que xa se achegaban ao río Sor. Daquela o paisano lembrouse de que no peto levaba unha moeda. Era unha moeda de cobre que levaba nunha das súas caras unha cruz. Sacándoa ensinouna ás ánimas que o ceibaron e fuxiron desaparecendo no escuro da noite.

Co tempo o modo de vida do arrieiro intimamente vinculado á sociedade tradicional foi pouco a pouco mudando a medida que o facían as formas de vida e con elas a sociedade. Do transporte de mercadorías en carromatos tirados por un animal ou mesmo penduradas do lombo do animal, pasouse ao transporte mecanizado, xa fora por ferrocarril ou máis tarde por estrada, ao tempo que os novos camiños se abrían substituíndo aos vellos. Aos poucos, o vello oficio de arrieiro, mantido durante séculos foi esmorecendo, sendo substituído por outros profesionais do sector, ate finalmente desaparecer, deixando, iso sí, moitas pegadas, entre elas, este canto tradicional:



domingo, 22 de noviembre de 2015

OFICIOS GALEGOS: ALFAREIROS, OLEIROS, CACHARREIROS, BARREIROS...

Como vedes, un sinfín de nomes para un mesmo oficio: o traballo do barro. Aínda que moit@s teredes como referencia nesta área á protagonista da película "Ghost", escultora que empregaba o barro coma un dos seus materiais de traballo, o certo é que, desde a época castrexa, en toda Galiza, lévase transmitindo o saber do barro de pais a fillos. As variantes no barro e arxila, as distintas formas de cocelo, traballalo e rematalo, fan da nosa rexión unha amalgama de pezas únicas e moi diversas, nacional e internacionalmente recoñecidas como as de Sargadelos, Buño ou Niñodaguia.

Antóllaseme deixarvos, un verso que hai anos lin de man do seu autor: Agustín Vázquez, un dos poucos alfareiros que, xunto co seu fillo José, aínda segue en activo en Niñodaguia:
“Alfareiro,
nobre traballador do barro;
dos oficios, o primeiro,
pois en traballar o barro,
Deus foi o primeiro alfareiro
e o home o seu primeiro cacharro”